Unha Bauhaus sobre cabazo antigo

presenta_cronicadochan_antemeudia

Crónica do chan, de Alberto Lema, foi presentado no Centro Social Bou Eva o 12 de setembro de 2014. Acompañaron tamén ao poeta Iago Castro e Pepe Árias.

Alberto Lema. Crónica do chan. Corsárias Editora, 2014

 

Debeu ser polo ano 2007 cando lin, sen que o seu autor soubese, unha novela que daquela se titulaba Putas asasinas. Como xa se lle adiantara Roberto Bolaño, a novela chamouse finalmente Unha puta percorre Europa. Visto desde hoxe, se cadra resulta excesivo o tempo que, logo diso, dedicamos a ler a Bolaño, por moito que nos gusten os seus detectives. Se cadra só resulta excesivo o creto que dá a morte e o que lle remexen nos papeis á xente.

Desde daquela tiven ocasión de coñecer o autor, que se me presentou de maneira non frecuente, cun correo electrónico no que dicía cousas que lle poderiamos escoitar hoxe, ou que se cadra cabían como verso do libro que hoxe presentamos, da caste de “ultimamente o normal non está comigo”. O seguinte que lin xa deberon ser uns poemas que están agora en Crónica do chan, daquela publicados na Revista das Letras que coordinaba Antón Lopo. O que supón un libro con moitas voltas, máis ben unha antoloxía do traballo de anos. Se lle facemos caso ao autor, de cerca de vinte, o que situaría algún destes textos como anteriores, por caso, a outro libro que traza tamén unha historia familiar: A ponte das poldras de Chus Pato, co que cadra en máis dun verso.

[…]

Para continuar lendo: “Unha Bauhaus sobre cabazo antigo

Como estás? e os síntomas xerais

como_estas_

foto: María Esteirán

Como estás?, de Claudio Pato, foi presentado na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela o 18 de novembro de 2011.

Acompañaron tamén ao poeta Miguel Mosqueira, Xoán Rodríguez e Xosé Carlos Hidalgo.

Claudio Pato. Como estás? Estaleiro Editora, 2011

 

Se soubese algo de termodinámica diría cousa tal que Como estás? é un libro entrópico. A idea de partida débese a Miguel Mosqueira. Ao non ser así, direi que é un libro profundamente empático. A calor é aquí enerxía que non se perde, compártese con vontade igualitaria. Se comparece unha temperatura baixa é en xeados compartidos en Ourense ou no “des-comunal frío daqueles invernos” cando, así e todo “vivía / máis preto das túas mans que no champaña do frigorífico”.

As máis das puntadas do libro dáas Alexandra na súa tentativa de produción dunha lingua dos afectos. Atravesa Como estás?, onde tamén lemos: “A dúbida hiperbólica sobre o comunismo vira aquí no libro que / comezamos para dubidar hiperbolicamente sobre o amor”. Contra esta dualidade dubidante cremos que se escribiron moitos dos textos, aínda que non saibamos da opinión do poeta sobre o pensamento de Alain Badiou. […]

Para continuar lendo: “Como estás? e os síntomas xerais

Desprazando o horizonte do posible

Rodchenko_rodas

Este percorrido pola obra de Alberto Lema foi gravado para o programa Disimulen, en Cuac Fm, iniciativa de Iago Martínez. Pódese escoitar aquí [minutos 29 a 35].

 

A unha das voces da última novela de Alberto Lema, Da máquina, a máis distanciada, chégalle a arrogancia para meterse no gabinete de información do Departamento de Defensa dos Estados Unidos. E para contarnos desde alí dentro ata que punto pode ser perverso que o discurso informativo precise da ficción.

A escrita de Alberto Lema arrincara en 2008 con dous libros: Plan de fuga, o primeiro que tirou á luz Estaleiro Editora e Unha puta percorre Europa, en Galaxia. Non dirá ninguén que os títulos non avisan.

Os datos biográficos que temos de Lema son Bamiro, Vimianzo, como lugar de nacemento. O ano 1975 como data. Unha licenciatura en Filoloxía Inglesa e uns cantos traballos deses que se nomean como non cualificados. […]

Para continuar lendo: “Desprazando o horizonte do posible

 

Ansiedade e abrelatas

presenta_transmuta_Bou

transmuta, de Xabier Cordal, foi presentado no Centro Social Bou Eva o 26 de xaneiro de 2013. Acompañaron tamén ao poeta Alberto Lema e Francisco Sampedro.

Xabier Cordal. transmuta. Edicións Xerais, 2012

Tratarei de ler sobre as voltas para entrar, por dicir algo, en transmuta. Anotacións en lapis antes e despois do paso por Google, fotocopiar o “dramatis personae” e intentar que se corresponda con cada poema, non vaia ser que estea por orde. Incomodarme coa falta de puntualidade que me fixo perder a intervención de Oriana Méndez cando se presentou na feira do libro en Compostela a primavera pasada. Incomodarme coa falta de memoria que me imposibilita o acceso a moito do que alí dixo Arturo Casas. Ler os catro libros que escribiu antes. Desistir de case todo o anterior. Ler de novo.

Polo medio acudir a un texto xornalístico deses que se len poucos, a entrevista que a Cordal lle fixo Daniel Salgado en xuño de 2012 e que se publicou en “Luces”, suplemento de cultura de cando había verdadeiramente El País Galicia. […]

Para continuar lendo: “Ansiedade e abrelatas

«Non son alleo á normalización cultural, son contrario»

protexta20_portada

 

alberto_lema_entrevista_dobrepax

Hai nos textos que asina Alberto Lema (Bamiro, Vimianzo, 1975) representación de diferentes estados de precariedade, algúns escollidos para a subversión. Fala da posibilidade de aceptarmos a etiqueta “narrativa pornograficamente política”, da consciencia verbo de canto pode a ficción. Cavila nas liñas que seguen, atravesadas pola súa terceira novela, Da Máquina (Galaxia, 2011), feituras e fontes dunha escrita que se quere forma de acceso ao real contemporáneo. Lukacs, Pato, Brecht ou Huxley acompáñano na idea de moverlle os marcos ao horizonte do posible.

 

Pregunta: A escrita ten que ver coa propiedade? Era unha ensinanza que lle agradecía Maria do Cebreiro no prólogo ao seu libro de poemas, Plan de fuga.
Resposta: Por facer unha interpretación, supoño que se refire á frase de Benjamin que di que todo documento de cultura é tamén unha proba de barbarie. Tamén ao poema de Brecht sobre a muralla chinesa e as pirámides exipcias, sobre toda a xente que morreu para que existise a arte. Esta ata hai pouco era un luxo patrimonio das clases acomodadas e dalgunha maneira foi extraida dos iletrados, das clases populares. Nese sentido concordo con que a escrita ten que ver coa propiedade.

P.: Coa situación editorial que temos esta é unha pregunta sistémica: pensa na posibilidade de volver publicar poesía?
R.: Si, teño un libro preparado. Sairá en Corsarias, en xaneiro ou febreiro. Nunca se deixa de escribir poesía, normalmente mais poemas ca libros de poemas. Estámolos reunindo e mirando se gardan as relacións de parentesco necesarias para ser dunha familia libresca. Aínda que supoño que son coñecido por novelista e non por poeta, é inevitable.
[…]

Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 20. 2013

perfil: Rebeca Baceiredo // crítica de Da Máquina: Iago Castro Buerger // fotos: Tamara de la Fuente

Todos os enforcados morren empalmados

present_Grantiburon_Adriansito

foto: Adrián Estévez

texto lido na presentación de Gran tiburón branco. Con Samuel Solleiro e Manuel Bragado. 30-outubro-2012, Libraría Couceiro

[…]

Samuel Solleiro quere estar na misa, na procesión e repicando. Escribiu en dúas zebras, o blog que abriu cando estaba a piques de saír o libro, cinco anotacións a mala idea, unha por cada relato, supoñemos que co obxectivo de adiantarse aos críticos que andan por aí poñendo etiquetas e cando se atopan extravertidos mesmo queren quedar a tomar un café para facer o canon. Samuel sabe, así e todo, que é traballo inútil e que a propiedade intelectual é un roubo.

Samuel Solleiro ten nome de profeta. Os profetas tiveron un encontro coa divindade, que lles mandou traernos unha mensaxe sobre o que ha acontecer no tempo futuro. O profeta Samuel seica tamén foi o último xuíz de Israel. Samuel Solleiro le a Saul Bellow e a Phillip Roth e ten fama de roñón, léase no sentido de “poemas do si roñón”, que dixo o poeta Manuel Outeiriño. O primeiro libro de Samuel Solleiro titulouse Elexías a Deus e ao Diaño. Samuel Solleiro ten costume de andar vivindo en sitios con catedral cristiá, Tui, Compostela, Le Mans. Ata aquí o determinismo, espero. […]

Para seguir lendo: duaszebras.blogspot.com.es

Problemas por poesía

Festival_Condado_2010

Nota sobre a edición do 2010 do Festival da Poesía no Condado
http://letrasparaumrio.wordpress.com/. 2010

Salvaterra 2010. “Língua e serviços em mao comum”, lema redundante, malia que non se lle pode apor á SCD Condado vontade de namais resistir. Porque levan vinte e catro festivais, porque a listaxe de poetas non só é delongada, dá conta, coma quen di, de toda a escrita poética posterior á reforma política, e dános mesmo para o esforzo de refugar a nostalxia ao atoparmos nomes como Manuel Cuña Novás.

Isto porque están os libros, porque aínda se poden conseguir, porque son os máis deles obxectos que unha quere ter desde por fóra, de Francisco Mantecón a Bértolo&Hidalgo. Alén diso, é difícil non pensar hoxe que o nome, «Festival da poesia», se mantén por fidelidade ao camiño andado. Non porque a escolla de poetas desmereza outras posíbeis. Se acaso foi nos anos últimos avanzando pasos na confluencia de tomas de posición entre quen convida e quen é convidado, sen que por iso se perciba ausencia de dialéctica.[…]

Para continuar lendo: letrasparaumrio.wordpress.com/