Recensión. LG3–culturagalega.org. 2005
XAVIER QUEIPO. Os ciclos do bambú. Editorial Galaxia, 2004
Xavier Queipo regresa á narrativa e faino dous anos despois novamente cun volume de relatos, neste caso na colección Illa Nova de Galaxia, pensada inicialmente para as marxes e a experimentación. Segue así, canto a editoras, unha traxectoria parella á de, por exemplo, Xurxo Borrazás, ao iniciárena ambos os dous en Sotelo Blanco, continuárena en Xerais e publicaren recentemente en Galaxia. Sexa Queipo ou non puntal maior da (micro)polémica xeración Knows (léanse os artigos de Jaureguizar en Vieiros), trazos comúns obxectivos hainos; dubidamos máis doutros.
É Os ciclos do bambú un título que nos coloca xa nun horizonte de expectativas continuísta en relación con algúns dos temas preferidos do autor: oriente e viaxe (movemento, así sexa cíclico). Queipo é un dos escritores que nos fai reparar na necesidade de actualización daquela boutade que dicía que temos unha literatura de profesores. Hoxe habería que excluír, ademais dun rei e un taberneiro, un biólogo tamén licenciado en medicina e dado a viaxar. E non se entenda ánimo biografista ningún; é el quen coloca na Biblioteca Virtual Galega (onde non temos dúbida de que figura en calidade de autor de ficción) unha autobiografía que é en realidade curriculum vitae académico-profesional, malia que tampouco desbotemos a posíbel lectura irónica do texto. […]
Continuar lendo: culturagalega.org/lg3