Pilar Beiro. Bingo. Sotelo Blanco Edicións, Compostela, 2007
Pilar Beiro volve escribir un libro de poemas, aínda que quizais no seguinte haxa unha voz que conte que o Bingo que agora temos nas mans é outra cousa. Nas súas páxinas lemos como quen enuncia alude –a propósito de Hinterland? (1999)– a un “Manual de Economía política, un pouco cru, / nunha nova corrente de marxismo autóctono postindustrial” que “Debe ser rescatado dos andeis onde pon POESÍA / e abeiralo alí onde se le: Disidencia e Fin”.
O discurso de Beiro insírese máis unha vez nunha poética autorreflexiva en que linguaxe, intervención social e feminismo se mesturan cun certo distanciamento irónico e comparte maneiras de achegarse ao real coas Redes Escarlata, entre a Chus Pato dos últimos libros e o Xabier Cordal menos grave. Coa pretensión de incluílo todo no poema, con Adorno, Rimbaud, Celan, Chavela Vargas e Anna Akhmátova, na beira oposta Adam Smith. Con Pondal nun irónico exercicio de deconstrución, levándolle a contra a Manuel Antonio a propósito de onde vén o aire, todo patrocinado por “Nosa Señora da Perpetua Cháchara” / (Musa moi socorrida)”. […]
Continuar lendo:
Recensión. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 6. 2008