En Diario dun bar, primeira peza de teatro de Lupe Gómez, atopamos a xornalista. Tamén a poeta que en Azul e estranxeira (2005) estaba nun deses lugares en que conversamos e bebemos. Ela a mirar coches e avións mentres falaba de vivir intensamente, “coma os cans cando corren arredor da casa e ladran toda a noite e molestan”. Incomodara para ben con Pornografía e debulla aquí a avidez na escrita, a superficialidade do mundo cultural, a fractura como espazo onde nace a comunicación, a ollada amábel.
Dicía o decano do Colexio de Xornalistas nestas páxinas que un non é dono das súas timideces. Ese oficio que Lupe Gómez (Fisteus, 1972) comparte debeu escollelo como maneira de non vivir no acougo. O músico Antonio Luque avisaba, ao fío do retrouso “tímidos do mundo, unídevos”, de interpretacións erradas do silencio indeciso. O aprendido con María do Cebreiro Rábade verbo da escrita das tatexas serviunos para estender a conversa coa escritora que asinara Poesía fea (Noitarenga, 2000), para repensar formas sutís de intelixencia que aniñan na sensibilidade.
ProTexta: Contou que comezara a escribir ao ler Baleas e baleas (Sociedad de Cultura Valle-Inclán de Ferrol, 1988) de Luísa Castro. Que atopou nesa obra?
Lupe Gómez: Xa non me acordo, hai moito tempo que lin ese libro, pero sei que me gustaba de Luísa Castro a orixinalidade nas metáforas e nas imaxes que ela creaba, ese mundo como do revés e de reviravoltas que facía. Chamoume a atención e foi o que me moveu para empezar a escribir poesía.
P.: Escribiu en varias ocasións sobre a importancia da obra de Xohana Torres ou Anxos Sumai na súa. Que máis le que entenda como influencia cando escribe?
L. G.: Leo a Manolo Rivas e é importante para min porque creo moito nel, tamén como persoa, porque me parece alguén moi amábel, como John Berger –eles son amigos–. Cando leo a Rivas póñome de bo humor, espero os seus artigos dos venres no “Luzes” e leo os seus libros porque aprendo moito e gústame a súa mirada, ese escribir sinxelo que pode entender todo o mundo. Tamén ese cariño que ten polo xornalismo cando parece que é algo perdido que hoxe miramos con ollos pesimistas. Parece que segue crendo nese traballo sempre relacionado coa literatura e coa poesía, tamén cando escribe narrativa mantén esa ollada poética. E esa mirada tamén de bondade, e ao falar de bondade acórdome das vacas e de meu pai, porque era unha persoa boa. O máis importante ao que podemos aspirar na vida é a ser persoas boas. […]
Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 10. 2009
perfil: Arturo Casas // crítica de Diario dun bar: Andrea Álvarez Pino // fotos: Cristina Silva