Volver da febre

acusacion_xiana_arias

Recensión. Quantas letras para um rio. 2010
Xiana Arias. Acusación. Editorial Galaxia. 2009

Non hai achega a este libro que non ande algún dos planos da violencia: desexo, medo, extravío, coñecemento. A problematización do espazo relacional e as súas formas de asfixia percórreno e avisan a cada tanto, mesturadas con outras e diversas facianas dos mecanismos de poder: “Onde gardamos o que sabemos sobre as cordas?”.

Judith Butler e Rosalía de Castro naceron un 24 de febreiro separadas por 119 anos, feito que coñece a poeta que escribe para se inculpar e que pode explicar moito do que en Acusación lemos. A propósito de Antígona preguntábase a pensadora norteamericana se pode existir parentesco, non referido especificamente a familia, sen o apoio e a mediación do estado. Esta, máis ben formulada no sentido inverso, é unha das interrogantes que importan no libro. O coñecemento da linguaxe do poder amósase desde o título, a confrontación con ela pasa por non escoller a porta do medio. […]

Para continuar lendo: letrasparaumrio.wordpress.com

«Facemos cancións de perdedores sabendo que son a maioría do planeta»

ataque_escampe_protexta_18_portada

ataque_escampe_entrev_dobre_pax

A banda que versionara “My My, Hey Hey” volve da febre dunha viaxe que fora A grande evasión (2009). Trazan unha liña en que Os Resentidos ou a Psicofónica cómpren igual ca Badiou ou Manuel Antonio. Procuramos que fixesen sitio nesas letras que levan idea. Falan “da supervivencia, da vida, do amor, da morte, do sexo, do matrimonio, da rebeldía”, segundo escoitamos sampleado no comezo de Violentos anos dez (A Regueifa, 2011). Acaída autopoética e fío polo que decorre esta conversa. Supervivencia e rebeldía son canda eles dialéctica e acceso ao real.

ProTexta: Unha crítica d’A grande evasión, o seu anterior disco, dicía das súas letras que “teñen máis musicalidade elas nos anteriores traballos ca o propio son do grupo”. Como levan a etiqueta de “grupo de filólogos”?
Miguel Mosqueira: O noso grupo ten moito mérito porque, tocando bastante mal, podemos facer algún concerto e gravar discos que pasan por música. Coñecémonos en Filoloxía, non podemos dicir que non somos filólogos, pero non creo que teña que ver para facer as letras. O que se aprende alí non serve para case nada, e menos para ter un grupo de rock.
Samuel Solleiro: Máis ben ao contrario, creo que temos un grupo a pesar da filoloxía [risos]. Durante toda a época d’A grande evasión serían licenciados en Filoloxía a metade do grupo.
P.: Xa son todos filólogos?
Roi Vidal: Lois non, pero fixo un doutoramento en Teoría da literatura [risos].
Lois Carlín: Para poder entrar no grupo. Dicíanme: “se non fas o mestrado non che deixamos”.
M. M.: A outros músicos dálles igual o coidado das letras, preocúpanse máis pola música e chámalles a atención que cando gravamos atendamos máis se cadra a unha palabra cá afinación. Temos máis recursos lingüísticos ou literarios ca musicais.
R. V.: Máis ca o de grupo de filólogos poderiamos aceptar que somos xente interesada pola lectura de textos poéticos, literarios. Temos adaptado poemas, algunhas letras eran moi literarias, sobre todo ao principio. Penso en “Afganistán canto”, que tiña versos fusilados de Manuel María.
S. S.: Pero unha cousa é ter un grupo de persoas ás que lles interesa a literatura e outra é a filoloxía, á fin e ao cabo a vertente máis reaccionaria dos estudos literarios. Incomódame bastante cada vez que vexo o de AE e os filólogos. Como todas as carreiras, é unha cuestión de trámite, burocrática. […]

Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 18. 2011

perfil: Martiño Noriega // crítica de Violentos anos dez: Teresa Cuíñas // fotos: Alba Viñas

As guerras da escrita

galicia21_portada_1

Recensión. Galicia21, Journal of Contemporary Galician Studies, 4. 2012
ANTÓN FIGUEROA. Ideoloxía e autonomía no campo literario galego. Laiovento Edicións, Santiago de Compostela, 2011.

Nos últimos meses de 2010 viu a luz Ideoloxía e autonomía no campo literario galego, quinto libro de Antón Figueroa, ensaísta e catedrático de Filoloxía Francesa na Universidade de Santiago de Compostela. As relacións interliterarias e a tensa confrontación entre campo do poder e campo literario centran desde hai máis de vinte anos unha tarefa investigadora que se iniciou en soporte libro con Diglosia e texto (1988), obra de referencia para entendermos as particularidades da comunicación, literaria e non só, nun contexto de minorización política e cultural como o que vivía Galicia daquela e que Figueroa denominou “estadio épico”.

Nunha entrevista publicada na revista ProTexta (2011) Figueroa explica como un profesor de Literatura francesa coma el chegou a estas liñas de procura polo feito de ser o galego “un campo de experimentación e de verificación extraordinario, moi activo en termos relativos, un campo particularmente tenso onde se vive a concorrencia, a loita literaria, política”. Resulta revelador ver, a partir desta idea, a maneira en que Figueroa amosa como os principais factores de heteronomía nun momento inicial de conformación dos diferentes campos culturais nacionais foron de orde política. Tamén como isto continúa sendo así en moitos casos de literaturas minoritarias, en canto nas literaturas hexemónicas se dan factores de dependencia con ancoraxes máis directas no campo económico. […]

Para continuar lendo: galicia21journal.org

«Un grande escritor non o é unicamente por razóns literarias»

anton_figueroa_dobre_pax

Hai unha xeración de filólogos para quen a ollada sobre as tensións literarias se quixo situar, de vez e para sempre, lonxe da inxenuidade. Pasaron pola aulas de Antón Figueroa (Chantada, 1943), pensan no percorrido de dez anos desde Nación, literatura, identidade, porta para a teoría dos campos sociais. Len Ideoloxía e autonomía no campo literario galego (Laoivento, 2010) e atopan de novo o teórico que posibilitou a identificación de mecanismos de poder nos que nunca repararan. Neles afonda este fío de conversa co autor de Diglosia e texto.

ProTexta: Nas páxinas de Ideoloxía e autonomía no campo literario galego repara nas conexións entre antiintelectualismo e populismo. Cal é para vostede a necesidade da teoría?
Antón Figueroa: A teoría permite a reflexión formal, aquela que está na base das estratexias de autonomía e é o contrario dunha falsa seguridade que ás veces procede da ideoloxía. A ideoloxía é unha maneira de imaxinar o mundo, a vida, que condiciona e que escusa a reflexión, que finxe garantir unha calidade e en realidade garante un poder simbólico derivado da participación nese mundo ideolóxico. A reflexión é un antídoto contra a facilidade ofrecida pola ideoloxía.

P.: Como chega, desde o estudo da literatura francesa, a interesarse polo noso campo literario?
A.F.: Probablemente haxa tamén detrás unha cuestión ideolóxica, pero obxectivamente o galego é un campo de experimentación e de verificación extraordinario, moi activo en termos relativos, un campo particularmente tenso onde se vive a concorrencia, a loita literaria, política. Todos os fenómenos arredor da autonomía ou da heteronomía aparecen magnificados. É algo complexo, porque o feito de que a literatura teña unha función política, unha tendencia á heteronomía, faina activa.

Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 17. 2011

crítica de Ideoloxía e autonomía no campo literario galego: Isaac Lourido // foto: Tamara de la Fuente

«Estremas fala da usurpación dos discursos, da linguaxe, dos corpos»

ana_romani_protexta17_portada_1

ana_romani_dobre_pax

Tempo e sedimento teñen un sentido singular na poesía de Ana Romaní (Noia, 1962). Estremas (Galaxia), a súa quinta achega, viu luz cando remataba 2010. O lugar da voz, o discurso a gravar marcas no corpo ou a linguaxe que o poema pode soportar son materia que anda nas liñas que seguen. Pensamento e acción feminista hoxe, o seu labor de vinte anos no Diario Cultural, as ligazóns posíbeis entre os seus libros ou as escritas que sente a carón completan a ollada de quen entende o poema como evidencia do conflito e lembra: “o eu en vós destémese”.

ProTexta: Por que a estrema? Importou a plurisignificación na oralidade?
Ana Romaní: Non, o título foi o último que saíu, barallei outros antes. Pero logo deime conta de que aparecía moito nos poemas, e interesoume o concepto de estrema, linde, marxe, no sentido de estar fóra. Porque o libro á fin e ao cabo fala diso, do lugar, da posición desde a que construímos os discursos. E de estar fóra, como nun lugar de observación. Este é outro título en que pensei, “Lugar de observación”. A capacidade evocadora do título para falar de máis cousas veu logo, pero utiliceino en todo momento como marxe, porque é un lugar desde onde se pode observar, e ao mesmo tempo ter unha visión diferente. A centralidade é algo que me preocupaba, a posición é algo que necesito indagar, e o libro penso que pescuda niso.

P.: É entón ese o motivo fundamental que ve no poemario, o lugar da voz?
A.R.: Hai máis cousas, o libro fala con furia, con rabia e con tenrura do lugar, da posición desde a que construímos o discurso, o corpo. De seres colectivos e individuais, á procura, da identidade, da resistencia. Pero sobre todo o que move o libro é a procura, a necesidade de indagar e de comprender nun tempo que é todo o tempo. Procura nunha voz ou nunhas voces. Fala do confinamento, da rebelión, dos discursos que nos clausuran e nos atan: está a reixa, o campo de concentración, todas esas imaxes. Fala tamén da necesidade dunha rebelión, da acción e do movemento. Pero para iso é como se necesitase suspender o tempo, situarse nun lugar de observación para comprender que está pasando. O libro está atravesado de todos eses temas: os seres sociais en construción, as identidades á procura. […]

Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 17. 2011

perfil: Helena González // crítica de Estremas: Gonzalo Hermo // fotos: Mario Llorca

«Algúns críticos pensan que contar de xeito convencional é ordinario»

diego_ameixeiras_protexta16_dobre_pax

Asasinato no Consello Nacional (Xerais, 2010) parece xa destinada a que volvamos cavilar na autonomía do campo literario. Os datos biográficos mínimos do autor –Lausanne, Suíza, 1976– non recollen o seu ligame xeográfico co aquí. Malia isto, Ourense pesa na conversa e na súa escrita canda os referentes do xénero negro, modalidade en que se sitúa con determinación e na que coloca a súa querenza polos personaxes solitarios. Nas liñas que seguen, tamén, a porción de dificultade agochada na tarefa de entrevistar a quen estudou para xornalista.

ProTexta: Que pensa da etiqueta “thriller político” para Asasinato no Consello Nacional?
Diego Ameixeiras: É unha novela de corte bastante clásico, unha novela negra que lle ofrece ao lector unha investigación paralela, unha oficial da policía e outra a cargo do detective. Hai un enigma por resolver. Entendo que a etiqueta é unha forma de identificala, sobre todo pola trama arredor do mundo político do nacionalismo. Iso intentei casalo cos trazos paradigmáticos da novela negra, e si, pódese entender como thriller político.

P.: Por que decidiu escribila?
D. A.: Tiña en mente escribir unha intriga política ambientada nunha cidade galega actual e con referentes moi próximos no tempo. Apetecíame recrear unha trama deste tipo e cando empecei a ver todos os sucesos que foron ocorrendo despois da derrota electora do bipartito decateime de que aí había un material xornalístico que me podía servir de base. Durante moito tempo tamén tiña na cabeza a novela de Montalbán [Asesinato en el Comité Central], unha das miñas preferidas da serie Carvalho, e pensei que podía tamén facerlle unha pequena homenaxe. Aínda que non vai máis alá do título, porque nin a trama nin os personaxes teñen nada que ver coa novela de Montalbán. Pensei que toda esa crise interna do nacionalismo parlamentario me podía dar un pano de fondo para escribir unha intriga política verosímil. Tiña un material, unha crónica que contaron moi ben os compañeiros xornalistas, e collina como base para unha historia evidentemente de ficción. Apetecíame, despois das primeiras novelas cun mundo de política ficción, que non existe, meterme un pouco máis directamente coa realidade. […]

Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 16. 2010

perfil: Camilo Franco // crítica de Asasinato no Consello Nacional: Ramón F. Mariño          // fotos: Mario LLorca

 

“Un poema non fai que ocorra nada no campo político”

juan_gelman_protexta_14_portada

juan_gelman_dobre_pax

Escoitamos a Juan Gelman (Buenos Aires, 1930) e o exilio, a morte e a poesía como linguaxe calcinada percorreron a súa palabra. Talvez sexa a perda o nó que amalloa a súa escrita. Percibímolo así mesmo cando, ao lembrar as inquietudes comúns con Jose Ángel Valente, aludiu á mística e ao libro Comentarios en que dialogaba con Santa Teresa e San Juan e asemade con autores de tangos, aos que cualificou de grandes metafísicos: “a muller abandona o home e este salouca pero penso que as que se tratan no fondo son outras perdas”.

Mediado abril estivo connosco o poeta Juan Gelman. Veu para recibir da man da Asociación de Escritores en Lingua Galega o recoñecemento como Escritor Galego Universal, tamén para presentar unha reedición do seu libro Bajo la lluvia ajena (notas al pie de una derrota) (1983) que Libros del Zorro Rojo tirou, agora co acompañamento dunha serie de augafortes realizada polo artista plástico arxentino Carlos Alonso no exilio compartido, onde nunca se cruzaron. “E é curioso porque os dous estabamos facendo cousas moi emparentadas pola ditadura militar e a represión”. Nunha ollada sobre esta obra na que domina a prosa, o autor conta que “pasaron moitos anos e a rabia, a furia e a dor que os inspirou xa non ten esa forza. Malia tratarse de recordos dunha época en que nos botaron do país”.

Aludindo ao desprazamento que vive nos libros comezou Gelman a súa conferencia na Academia Galega que principiaba o ciclo “Literatura e viaxe” e que contou ademais nos meses de abril e maio coa palabra de Miguel Anxo Murado, Hélia Correia, Alberto Manguel e Xabier P. DoCampo. “A viaxe que trae a lectura dun libro é magnífica porque descubrimos territorios que ignoramos ter dentro de nós, e por iso mesmo non tiñamos”. O escritor Cesáreo Sánchez Iglesias seguira ao presentalo o texto que abre Bajo la lluvia ajena para lembrar “o ferrolán Antonio Souto, de fermosos ollos claros” dirixindo o erguemento obreiro da Patagonia, “mans con mans, loitando pola dignidade do home, pola liberdade”. “Así fai ‒dixo‒ o poeta Juan Gelman coa súa altísima palabra poética. Ler a Juan Gelman é un privilexio e unha responsabilidade”.
[…]

Para continuar lendo:
Reportaxe. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 14. 2010

perfil: Francisco X. Fernández Naval // fotos: Tamara de la Fuente

«Son un moderno que estraña o perdido e que escribiu un libro clásico»

Suso_de_Toro_portada_ProTexta_13

Suso_de_Toro_ProTexta_13_dobre_pax

Fala Suso de Toro (Santiago, 1956) de Sete palabras (Xerais, 2009) como cifra que abre o entendemento de todo canto leva escrito. Así falte Nano, e o que quede xa non sexa necesariamente para a plusvalía na ollada que o narrador deita sobre o mundo, a pescuda na construción do suxeito masculino continúa aí. Confrontar as súas ideas sobre a identidade motivou a conversa con Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979) investigadora nunha liña de pensamento interrelacionada. O disenso marcou os tempos e fixo que as liñas de discurso se tocasen.

Rebeca Baceiredo: Dis que segues a liña do apelido, o legado do pai. Penso que o protagonista busca a identidade máis cá subxectividade. Entendes a identidade como un espazo civil, como unha proxección pública, como un eu fronte a un si mesmo?
Suso de Toro: Utilicei a literatura como instrumento de coñecemento cuns obxectivos moi concretos, pescudar unha historia de familia. Chámolle novela por chamarlle algo pero está máis cerca do conto e o conto sempre é o camiño iniciático, do coñecemento persoal. Tento reconstruír a miña subxectividade, este libro é unha historia moi persoal. A viaxe é de coñecemento e de transformación e pódese dicir que o libro me constrúe nunha parte.

R. B.: Cal é esa transformación?
S. de T.: Coñecer a miña historia e facerme dono dela, na medida en que a verbalizo, na medida en que a escribo.

R. B.: É unha apropiación que chega a un espazo de subxectividade. Dis: “un home ten que saber de onde vén”. Non abonda con saber en termos máis subxectivos? Aí é onde entra a diferenza entre identidade e subxectividade.
S. de T.: Se non fixese esa pescuda cun obxectivo concreto, que me esixía uns métodos, trapalleiros, co que iso ten de regrado e de humilde, non conseguía o que conseguín. Ese progreso é un camiño tamén de madurecemento, é o que che permite gañar a historia.

Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 13. 2010

conversan Rebeca Baceiredo e Suso de Toro // perfil: Xosé Hermida // crítica de Sete palabras: Iago Martínez [ProTexta 12] // fotos: Tamara de la Fuente // edición: Ana Salgado

«A II República divide aos nacionalistas polo seu vencello co Estado»

john_thompson

foto: Tamara de la Fuente

Na presentación realizada en Compostela este verán, salientaba Antón Figueroa entre os meirandes valores d’As novelas da memoria o feito de estar escrito por un estranxeiro. Por alguén para o que certas tensións que rexen este campo cultural se poderían presupor opacas, cando tal vez unicamente resulten lidas desde un espazo novo e suxestivo. A distancia no ensaio de John Thompson (Montana, EUA, 1971) non devén mecanismo minimizador da implicación, sitúase nos esteos dun discurso que liga ficción e lembranza.

ProTexta: Unha das teses que fundamentan o seu ensaio é que a novela é xénero privilexiado para a transmisión da memoria. Por que o considera así?
John Thompson: A novela ofrece unha inmersión na Historia máis intensa que outros xéneros como a historiografía, o documental ou o cinema. A novela deixa o lector vivir vicariamente a Historia, é dicir, vivir a Historia como se estivese nela. A intensidade da experiencia vén do esforzo intelectual do lector. Un filme dura dúas horas aproximadamente e acabouse. A duración dunha novela adoita ser maior. Ademais, mentres un filme fornece ao espectador con imaxes visuais, o lector ten que reproducir as imaxes a través da palabra escrita, o cal comporta un exercicio intelectual máis esixente. Cada xénero é imprescindíbel, pois é evidente que para obter datos e análises científicos cómpre acudir ao texto historiográfico ou ao documental. Mais é difícil que, por exemplo, a xente nova se interese na II República e no trauma provocado polo franquismo a través dun libro historiográfico. É preciso un xénero que transmita as psicoloxías e as emocións vencelladas cos feitos e figuras históricos, e a novela cumpre esta función.

P.: Que sentido lle dá ao esquecemento no seu traballo? E a ese xa lugar común que fala “doutra novela máis sobre a guerra”?
J.T.: Paréceme acertada a reflexión de Todorov, quen di que a memoria non é o contrario do esquecemento, senón que a memoria é un esquecemento parcial en ambos os dous sentidos da palabra, que é necesario para dar sentido ao pasado. No relativo a ese cansazo que algúns teñen sobre a temática da guerra civil nas novelas, penso que tales afirmacións son moi desafortunadas. Se hai tanta rememoración da guerra civil nas novelas e no cine é en parte porque son as únicas esferas en que a memoria se pode articular libremente. Se se fixese unha recuperación da memoria a nivel oficial, nos medios, na igrexa católica, na dereita española, seguiría habendo literatura con esta temática, por suposto, mais seguramente non tanta. Trataríase dunha memoria máis libre, menos subalterna, e entón non faría tanta falta o discurso literario para transmitila. O pensamento político se non é histórico non é pensamento político. Non podemos ignorar o que pasou, senón somos “apolíticos”. Existen figuras na esquerda, nacionalista e non nacionalista, ás que non lles interesa a memoria, non lles parece importante para a democracia e a construción nacional. É moi desafortunado ademais tendo en conta que esta memoria aínda está restrinxida á esfera artística, a única na que pode existir dun xeito libre.

Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 12. 2009

crítica d’As novelas da memoria. Trauma e representación da Historia na Galiza contemporánea: Emilio Grandío Seoane

«Poñerlle nomes, rostros, unha historia fai o horror tanxible»

rosa_aneiros_eliseo_fernandez_portada_protexta12

aneiros_entrev_dobre_pax

Ter para Sol de Inverno (Premio Xerais 2009) unha ollada desde a ficción e outra desde a historia foi o motivo da conversa. Cadraban así a narradora de Resistencia, Rosa Aneiros (Meiras-Valdoviño, 1976), e Eliseo Fernandez (Ferrol, 1967) historiador do anarquismo ou do exilio que acaba de traballar no documental Memorias rotas: a balada do comandante Moreno. Detalles miúdos da novela xuntáronse no discurso de ambos a unha reflexión sobre os modos de representar a fractura que vén do 36 e a súa pegada no noso tempo e lugar.

Eliseo Fernández: Na presentación do libro en Ferrol falaches de como Inverno quería lembrar e a irma, Rebeca, esquecer. Paréceme unha idea moi viva e presente na sociedade.
Rosa Aneiros: Defendía que Sol de Inverno é unha novela de personaxe pero coa memoria da protagonista van todas as memorias que a acompañan. Con ela cóntanse outras moitas historias que teñen un papel para a construción do propio personaxe como antagonistas de Inverno. Unha delas é a de Rebeca, nesa imaxe en que sacode constantemente os pés, non quere levar areas neles, e mentres lle rabuñen os pés está incómoda. Quere esquecer iso e levar outra vida. É diferente ao caso de Rafael, o gabeeiro, de quen Carmen di que para el a guerra foi a salvación. É paradoxal que exista algunha xente á que a guerra lle permitiu vivir unha vida que nunca tería vivido se quedase aquí.

E. F.: Vexo ademais unha novela moi ambiciosa, con moitos personaxes e moitas historias.
R. A.: Como escritora non a vexo tan ambiciosa porque foi traballada por partes. Cando remataba a parte de Antes, empezaba Barcelona. Foi construída pouco a pouco e apetecíame meter aquilo que acontece no mundo e nos inflúe, como todo depende da ambición e da necesidade de cada persoa. Un personaxe que me gusta especialmente, porque me custou moito escribilo e porque hai moitas mentiras del no libro, é o pai de Inverno, Alfredo, un dos mais iceberg da novela, ten moito e deixase ver só un pouco. Nel esta resumida a novela, o que queremos deixar ver de nós, o que agocharmos, e o que non sempre é o que parece. No seu caso hai unha ambición desmedida por ser sempre o protagonista, nese sentido comentaba que o contrasta tamén coa súa nai. Necesita esa loita pola eterna xuventude, por continuar vivo e por uns ideais. A novela técese con moitas historias, unhas que procurei que non se visen e si se ven e outras que pensaba que se vían máis claramente e parece que non. Probablemente niso trabúcome porque procuro non construír heroes nin heroínas e ao final acaban saíndo, pero hai un xogo de contradicións, na propia Inverno por moitos desenganos que leva.

Para continuar lendo:

Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 11. 2009

conversan Rosa Aneiros e Eliseo Fernández // perfil: Sonia Díaz // crítica de Sol de Inverno: Oriana Méndez // fotos: Olalla Lojo // edición: Ana Salgado