Fran Alonso (Vigo, 1963) gusta de pensar nos seus libros coa imaxe da pasarela dun aeroporto, na posibilidade de camiñarmos por riba pero que algo recomece. As últimas pisadas están en Ninguén (Xerais, 2011), texto que nos deixa agardando por ver se no seguinte, ese ao que lle atribúe nesta conversa un maior nivel de pescuda formal, volta a señora Lola ao bar das Tortillas para os obreiros. Fala tamén do oficio de editor hoxe, dunha vontade decidida de dialogar co seu tempo, dos 90 como a década en que atopou as persoas que o acompañan na escrita.
ProTexta: Publica Ninguén dez anos despois de Males de cabeza (Xerais, 2001) e no epílogo desbota un enlace directo co que era o seu último título de narrativa para adultos. Por que?
Fran Alonso: A estrutura garda relación con Males de cabeza e tamén con Cemiterio de elefantes (Xerais, 1994), por ese camiño de exploración entre o relato e a novela. Intenta esvaer os xéneros; no próximo libro aínda o levarei a un extremo moito maior, e aí acabo con ese tipo de experimentación. Ninguén explora as relacións humanas de vecindade incorporando dúas metáforas, un edificio e as novas tecnoloxía, e iso emparéntao máis con Silencio (Nigra, 1995). En Males de cabeza están os problemas que o individuo sofre coas novas formas de sociedade. Pero aquí non exploro tanto a psicoloxía dos personaxes como o contorno. Iso fai que este libro parta directamente de Silencio e de Balada solitaria (Edições Eterogémeas, 2004), poemario que só se publicou en Portugal e que agora está reproducido en Transición (Franouren, 2011).
P.:O epílogo do libro foi anotado pola crítica como innecesario. Que pensa?
F. A.: Evidentemente un crítico non necesita ese epílogo, pero cando escribo quero dirixirme á xente que segue os meus libros, aos meus lectores habituais. Esas persoas existen e necesito esa comunicación directa. É unha chiscadela de complicidade con eses lectores, na que lles dou pistas ou referencias para situar o libro. […]
Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 19. 2012
perfil: Manuel M. Barreiro // crítica de Ninguén: Oriana Méndez // fotos: Tamara de la Fuente