Unha Bauhaus sobre cabazo antigo

presenta_cronicadochan_antemeudia

Crónica do chan, de Alberto Lema, foi presentado no Centro Social Bou Eva o 12 de setembro de 2014. Acompañaron tamén ao poeta Iago Castro e Pepe Árias.

Alberto Lema. Crónica do chan. Corsárias Editora, 2014

 

Debeu ser polo ano 2007 cando lin, sen que o seu autor soubese, unha novela que daquela se titulaba Putas asasinas. Como xa se lle adiantara Roberto Bolaño, a novela chamouse finalmente Unha puta percorre Europa. Visto desde hoxe, se cadra resulta excesivo o tempo que, logo diso, dedicamos a ler a Bolaño, por moito que nos gusten os seus detectives. Se cadra só resulta excesivo o creto que dá a morte e o que lle remexen nos papeis á xente.

Desde daquela tiven ocasión de coñecer o autor, que se me presentou de maneira non frecuente, cun correo electrónico no que dicía cousas que lle poderiamos escoitar hoxe, ou que se cadra cabían como verso do libro que hoxe presentamos, da caste de “ultimamente o normal non está comigo”. O seguinte que lin xa deberon ser uns poemas que están agora en Crónica do chan, daquela publicados na Revista das Letras que coordinaba Antón Lopo. O que supón un libro con moitas voltas, máis ben unha antoloxía do traballo de anos. Se lle facemos caso ao autor, de cerca de vinte, o que situaría algún destes textos como anteriores, por caso, a outro libro que traza tamén unha historia familiar: A ponte das poldras de Chus Pato, co que cadra en máis dun verso.

[…]

Para continuar lendo: “Unha Bauhaus sobre cabazo antigo

Desprazando o horizonte do posible

Rodchenko_rodas

Este percorrido pola obra de Alberto Lema foi gravado para o programa Disimulen, en Cuac Fm, iniciativa de Iago Martínez. Pódese escoitar aquí [minutos 29 a 35].

 

A unha das voces da última novela de Alberto Lema, Da máquina, a máis distanciada, chégalle a arrogancia para meterse no gabinete de información do Departamento de Defensa dos Estados Unidos. E para contarnos desde alí dentro ata que punto pode ser perverso que o discurso informativo precise da ficción.

A escrita de Alberto Lema arrincara en 2008 con dous libros: Plan de fuga, o primeiro que tirou á luz Estaleiro Editora e Unha puta percorre Europa, en Galaxia. Non dirá ninguén que os títulos non avisan.

Os datos biográficos que temos de Lema son Bamiro, Vimianzo, como lugar de nacemento. O ano 1975 como data. Unha licenciatura en Filoloxía Inglesa e uns cantos traballos deses que se nomean como non cualificados. […]

Para continuar lendo: “Desprazando o horizonte do posible

 

«Non son alleo á normalización cultural, son contrario»

protexta20_portada

 

alberto_lema_entrevista_dobrepax

Hai nos textos que asina Alberto Lema (Bamiro, Vimianzo, 1975) representación de diferentes estados de precariedade, algúns escollidos para a subversión. Fala da posibilidade de aceptarmos a etiqueta “narrativa pornograficamente política”, da consciencia verbo de canto pode a ficción. Cavila nas liñas que seguen, atravesadas pola súa terceira novela, Da Máquina (Galaxia, 2011), feituras e fontes dunha escrita que se quere forma de acceso ao real contemporáneo. Lukacs, Pato, Brecht ou Huxley acompáñano na idea de moverlle os marcos ao horizonte do posible.

 

Pregunta: A escrita ten que ver coa propiedade? Era unha ensinanza que lle agradecía Maria do Cebreiro no prólogo ao seu libro de poemas, Plan de fuga.
Resposta: Por facer unha interpretación, supoño que se refire á frase de Benjamin que di que todo documento de cultura é tamén unha proba de barbarie. Tamén ao poema de Brecht sobre a muralla chinesa e as pirámides exipcias, sobre toda a xente que morreu para que existise a arte. Esta ata hai pouco era un luxo patrimonio das clases acomodadas e dalgunha maneira foi extraida dos iletrados, das clases populares. Nese sentido concordo con que a escrita ten que ver coa propiedade.

P.: Coa situación editorial que temos esta é unha pregunta sistémica: pensa na posibilidade de volver publicar poesía?
R.: Si, teño un libro preparado. Sairá en Corsarias, en xaneiro ou febreiro. Nunca se deixa de escribir poesía, normalmente mais poemas ca libros de poemas. Estámolos reunindo e mirando se gardan as relacións de parentesco necesarias para ser dunha familia libresca. Aínda que supoño que son coñecido por novelista e non por poeta, é inevitable.
[…]

Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 20. 2013

perfil: Rebeca Baceiredo // crítica de Da Máquina: Iago Castro Buerger // fotos: Tamara de la Fuente