Vigo non é o belén da Caixa

anxo_angueira_fora_do_sagrado_protexta5

ANXO ANGUEIRA. Fóra do Sagrado. Edicións Xerais, Vigo, 2007

Levándolle a contra a Martín Códax volve Anxo Angueira aos dez anos de Libro da vertixe ao campo poético, con título ateo. Non hai adro da igrexa e a fermosura está lonxe da (auto)contemplación. O poema longo que é Fóra do sagrado constrúese, xa ocorría n’O valo de Manselle, sobre a forza de antropónimos e topónimos, acrecentada por unha rede basta de referencias textuais e históricas de alento espiral e focalización nese século XX que é tamén cerne de Contra Maquieiro (2005) e de Liste, pronunciado Líster (2007), o último documental de Margarita Ledo Andión.

En canto certifica a existencia dunha cidade amada por sobre todas as cidades do mundo, a voz lírica realiza un percorrido intertextual que vai de Meendinho a Oriana Méndez, coma quen di polo noso discurso poético todo, e que se insire no espazo ideolóxico marxista que vertebra as Redes Escarlata. [….]

Continuar lendo:

Recensión. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 5. 2008

As defuntas teñen dengue, mantelo, saia

paco_souto_as_horas_de_maria_protexta3_antemeudia

PACO SOUTO. As horas de María. Espiral Maior, A Coruña, 2007.

O nome de Paco Souto vai cabo da experiencia comunal que nos noventa foron os recitais nos bares, as carpetas de Edicións do Dragón que axudou a tirar e que nos descubriron os primeiros versos de Olga Novo, os libros pequenos de Letras de Cal. Aquilo que chamamos poesía dos noventa e que hoxe estamos á espera de ter como denominar −se for preciso así− cando lemos o seu último libro, merecente do Premio de poesía Johan Carballeira 2006. Porque As horas de María dá unha fermosa carpeta do Dragón, pero a voz é xa outra, porque o intimismo de Fado (1998) que establecía pontes coa poética hexemónica dos 80, xa con matices en Crebar cristais coa lingua (2003), fíxose aquí memoria e Europa campesiña que leva dentro dicíndoo. As avoas, aquelas que gastan mandil, sempre se chamaron María e tiveron por seus lingua e recordo. E polas súas horas decorren os oficios, a emigración, o racionamento, as herbas do san Xoán, o maquis.

A María as horas pásanlle no fío de nacer amortallada, traballar, ler, parir, ter mil anos e morrer. Mais neste fío que é cronolóxico tecen nós que nos desvían os poemas manuscritos que se intercalan, case a modo de ilustracións. Porque este é un libro que evidencia a súa condición de artefacto, que nos obriga a asistir ao proceso de escrita, con borranchos e frechas. E se nos leva a curiosidade temos que procurar a versión en letra Times para coñecermos os acordos últimos do autor, para vermos que, ao seren as horas de María memoria, esta refuga a orde do tempo. […]

Continuar lendo:

Recensión. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 3. 2007

A avoa Lola plantaba arroz con leite

Calveiro

MARCOS S. CALVEIRO. Cartas do terceiro día. Espiral Maior, A Coruña, 2006.

O premio de poesía do Concello de Carral foi, no 2005, para un autor sen obra publicada até este ano, fóra do dixital, Marcos S. Calveiro, non por acaso supoñemos apelido materno, co libro Cartas do terceiro día.

Na colección de literatura xuvenil de Tambo saíu a novela Sari, soñador de mares, onde sabemos dos ventos e dos escachos con pirixel que este non compartiu co mestre Sinbad. Agora chéganos na colección de poesía de Espiral Maior un poemario composto por vinte e nove cartas: en páxina par unha da nai e en páxina impar unha das irmás-compañeiras, dirixidas a quen puido ser a derradeira falante do nuxu. Esta lingua, un sistema de comunicación exclusivo das mulleres dun anaco da China interior (dise que anterior á revolución cultural), é case descoñecida: a sociedade impedíalles o acceso ao coñecemento escrito na variante lingüística que os homes aprendían na escola. […]

Continuar lendo:

Recensión. ProTexta, revista de libros de TEMPOS, 1. 2006

Eu creo que este mundo é moi fecundo

OliverEscobar_1

ÓLIVER ESCOBAR. Apostasía. Edicións Positivas, Compostela, 2006.

A última bengala, primeiro libro de Óliver Escobar, publicouse no 2004 logo da concesión dun accesit do Premio Esquío. Continuar o camiño de entrada na Gran Enciclopedia Galega, agora da man de Edicións Positivas, debería significar algo. Na súa colección di-versos soubemos de Lois Pereiro, de Manuel Outeiriño, de Ronseltz, e daquela esas edicións de cartón gris chaman por nós.

Óliver Escobar entrega este seu segundo libro cun título, Apostasía, necesario para quen procure unha poesía atea (collo emprestada a denominación doutro poeta do seu tempo), máis non é isto necesariamente o que imos atopar. Monseñor Gea Escolano non debera encabezar poema ningún. Escribir un libro onde el vai que non é motivo de excomuñón. […]

Continuar lendo:

Recensión. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 1. 2006