«Hai moitos anos que cansei dese tal Reixa, paréceme algo prosma»

protexta_8_portada

Do Silabario da turbina (1978) ao Látego de algas (2008), trinta anos e un non querer falar do tempo nestoutra sala de espera. Na coordenada do lugar sairían con certeza Vigo e Viva Galicia Beibe (1994), libro que, estando na memoria, nunca se dá aprendido. De por parte, a distancia entre a mira do francotirador e o ollo da cámara, entre o impacto e o afago. Quedou por preguntarlle ao Reixa de agora se, independentemente do barrio onde lles poñan a caseta, os cans se volven algunha vez heavis ás noites para ladrar pesado.

Non é fácil, de ir sen plano da cidade, atopar Filmanova, produtora audiovisual, como non o é dar hoxe co poeta que escribiu para o disco Fracaso tropical (1988) aquilo de “hai galegos que nin triunfan nin fracasan porque decidiron ostentar a súa condición de tales e eses son os máis resentidos”. Comezar polo principio, falar amodo, Reixa, ruído, riso, remanente.

ProTexta: Que pensas que quedou de Rompente, ademais da advertencia de que aquilo ía en serio?
Antón Reixa: De Rompente quedou fundamentalmente un interese por todo o que é multimedia e interdisciplinar. A memoria que teño da súa produción, ademais daquela aposta pola modernidade tanto na expresión coma na posta en escena, ese sentido interdisciplinar, foi o que me marcou para o resto da miña actividade profesional e artística. Teño aí unha boa reserva espiritual.

P.: Es dunha quinta que andades no medio século. Como ves a historia do rock´n´roll, Atlántica, Siniestro, logo dos anos que pasaron?
A. R.: Se te refires á década dos oitenta, foi a época máis intensa, sobre todo na faceta artística multidisciplinar, e dela teño a memoria máis viva. Teño unha nostalxia positiva. Aqueles anos, por moi frívolos que fosen, que o eran, efectivamente, foron tamén de moita tolerancia e creatividade e incardinábanse coa conquista popular. Eramos unha xeración de artistas que se inscribe directamente na cultura do lecer, do que se segue chamando “cultura de masas”. Creo que o diálogo coa cultura de masas nesa época foi moi ben afrontado polo que sería a miña xeración artística, fundamentalmente musical. […]

Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 8. 2008

perfil: Xabier Cordal // crítica de Látego de algas: Isaac Lourido // fotos: Olalla Lojo