Ter para Sol de Inverno (Premio Xerais 2009) unha ollada desde a ficción e outra desde a historia foi o motivo da conversa. Cadraban así a narradora de Resistencia, Rosa Aneiros (Meiras-Valdoviño, 1976), e Eliseo Fernandez (Ferrol, 1967) historiador do anarquismo ou do exilio que acaba de traballar no documental Memorias rotas: a balada do comandante Moreno. Detalles miúdos da novela xuntáronse no discurso de ambos a unha reflexión sobre os modos de representar a fractura que vén do 36 e a súa pegada no noso tempo e lugar.
Eliseo Fernández: Na presentación do libro en Ferrol falaches de como Inverno quería lembrar e a irma, Rebeca, esquecer. Paréceme unha idea moi viva e presente na sociedade.
Rosa Aneiros: Defendía que Sol de Inverno é unha novela de personaxe pero coa memoria da protagonista van todas as memorias que a acompañan. Con ela cóntanse outras moitas historias que teñen un papel para a construción do propio personaxe como antagonistas de Inverno. Unha delas é a de Rebeca, nesa imaxe en que sacode constantemente os pés, non quere levar areas neles, e mentres lle rabuñen os pés está incómoda. Quere esquecer iso e levar outra vida. É diferente ao caso de Rafael, o gabeeiro, de quen Carmen di que para el a guerra foi a salvación. É paradoxal que exista algunha xente á que a guerra lle permitiu vivir unha vida que nunca tería vivido se quedase aquí.
E. F.: Vexo ademais unha novela moi ambiciosa, con moitos personaxes e moitas historias.
R. A.: Como escritora non a vexo tan ambiciosa porque foi traballada por partes. Cando remataba a parte de Antes, empezaba Barcelona. Foi construída pouco a pouco e apetecíame meter aquilo que acontece no mundo e nos inflúe, como todo depende da ambición e da necesidade de cada persoa. Un personaxe que me gusta especialmente, porque me custou moito escribilo e porque hai moitas mentiras del no libro, é o pai de Inverno, Alfredo, un dos mais iceberg da novela, ten moito e deixase ver só un pouco. Nel esta resumida a novela, o que queremos deixar ver de nós, o que agocharmos, e o que non sempre é o que parece. No seu caso hai unha ambición desmedida por ser sempre o protagonista, nese sentido comentaba que o contrasta tamén coa súa nai. Necesita esa loita pola eterna xuventude, por continuar vivo e por uns ideais. A novela técese con moitas historias, unhas que procurei que non se visen e si se ven e outras que pensaba que se vían máis claramente e parece que non. Probablemente niso trabúcome porque procuro non construír heroes nin heroínas e ao final acaban saíndo, pero hai un xogo de contradicións, na propia Inverno por moitos desenganos que leva.
Para continuar lendo:
Entrevista. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 11. 2009
conversan Rosa Aneiros e Eliseo Fernández // perfil: Sonia Díaz // crítica de Sol de Inverno: Oriana Méndez // fotos: Olalla Lojo // edición: Ana Salgado