PACO SOUTO. As horas de María. Espiral Maior, A Coruña, 2007.
O nome de Paco Souto vai cabo da experiencia comunal que nos noventa foron os recitais nos bares, as carpetas de Edicións do Dragón que axudou a tirar e que nos descubriron os primeiros versos de Olga Novo, os libros pequenos de Letras de Cal. Aquilo que chamamos poesía dos noventa e que hoxe estamos á espera de ter como denominar −se for preciso así− cando lemos o seu último libro, merecente do Premio de poesía Johan Carballeira 2006. Porque As horas de María dá unha fermosa carpeta do Dragón, pero a voz é xa outra, porque o intimismo de Fado (1998) que establecía pontes coa poética hexemónica dos 80, xa con matices en Crebar cristais coa lingua (2003), fíxose aquí memoria e Europa campesiña que leva dentro dicíndoo. As avoas, aquelas que gastan mandil, sempre se chamaron María e tiveron por seus lingua e recordo. E polas súas horas decorren os oficios, a emigración, o racionamento, as herbas do san Xoán, o maquis.
A María as horas pásanlle no fío de nacer amortallada, traballar, ler, parir, ter mil anos e morrer. Mais neste fío que é cronolóxico tecen nós que nos desvían os poemas manuscritos que se intercalan, case a modo de ilustracións. Porque este é un libro que evidencia a súa condición de artefacto, que nos obriga a asistir ao proceso de escrita, con borranchos e frechas. E se nos leva a curiosidade temos que procurar a versión en letra Times para coñecermos os acordos últimos do autor, para vermos que, ao seren as horas de María memoria, esta refuga a orde do tempo. […]
Continuar lendo:
Recensión. ProTexta, revista de libros de TEMPOS Novos, 3. 2007